xm@gz

Runners spend a lot of time in their heads.

Crónica I Trail do Barbanza

2 Comentarios

Crónica TRAIL DO BARBANZA (35KM)

Organiza: http://www.arousa.com

Para fotos chulas chulas, ver a galería de fotos que hai ao final da crónica😉

A península do Barbanza está situada entre as rías de Arousa (sur) e a de Muros-Noia (norte) e forma unha serra continua de montes de 500 a 700 metros de altura. A maioría deles están sembrados de transformadores de enerxía eólica a eléctrica, polo que hai centos de kilómetros de pistas transitables a pe ou bicicleta.
Pero tamén están os camiños e rutas antigos, moito máis interesantes paixasísticamente pero tamén máis duros, con máis pendente.

Quero empezar agradecendo o traballo aos organizadores polo esforzo realizado nesta PRIMEIRA EDICIÓN, pois hai cousas que só se aprenden coa práctica e os mínimos erros(?) que puido haber non deslucen o traballo realizado. É desas ocasións en que ves que tentaron facer as cousas o mellor posible. Tamén un saúdo e agradecemento a tod@s os voluntarios e colaboradores espallad@s pola ruta.

Perfil do Trail

Perfil do percorrido 35km


Estos dous gráficos (perfil+ritmo e percorrido) están sacados dos datos grabados polo móbil durante a carreira e procesados en strava
Mapa da ruta

Mapa do percorrido

O sábado 15 de xuño participei no Trail do Barbanza (35km), que se disputa xunto co Ultratrail (68km) e que recorre rutas semellantes.
Cando saímos as nove da mañá xa os do Ultra levaban un par de horas en ruta, polo que non coincidimos con eles en ningún momento a pesar de compartir parte do camiño.
Nótase a diferencia con respecto as carreiras populares de asfalto, normalmente moito máis cortas e chans, en que minutos antes o quencemento que facemos é máis estirarse que estirar, andar por alí, trotar un pouquiño moi suave, … toda a enerxía que poidas gardar agradecerala dentro dunhas horas. Esos esprints, cambios de ritmo, estiramentos forzados, … aquí non vías nada de eso. A xente comentando o día, o que esperas facer, con qué mentalidade afrontas o percorrido. Como digo, o ambiente é moito máis relaxado e distendido.

A temperatura as nove da mañán era fresca e incluso había un pouco de néboa nos altos. As altas temperaturas engaden un plus de dureza as probas de resistencia, pero neste caso non foi un problema en ningún momento pois cando daba o sol era de forma suave

alto dos forcados

alto dos Forcados visto desde a saída

A proba iniciabase con uns cinco quilómetros con unha pequena subida e baixada, a modo de quencemento (este si de verdade) para ir collendo ritmo e ir estirando o grupo duns cen corredores (máis uns setenta do Ultra).

Xusto despois e sen transición daba paso ao momento máis difícil e de máis sufrimento na proba para min. Nin o paso dos quilómetros, nin os seguintes desnivéis, fixeron que tivese unha sensación de agobio tan grande como a que sentín na subida aos Forcados. Son dous quilómetros e pico con pendente continua arredor do 30% e en liña recta, nada de ir facendo zig-zag, e que por suposto subes andando, pero a pesar de tratar de ir lento notaba ese agobio de que sabes que estás indo máis rápido do que debes, de que estás gastando demasiada forza cando non debes. Nun par de ocasións incluso pensei en parar e recuperar pero seguín andando, non me apetecía parar no medio de semellante costa e voltar a coller ritmo. Tirei para adiante como puiden ate o alto. Preocupeime un pouco, non por terme “asfixiado”, se non porque sabía que quedaba moito por diante e non era nada bo ter chegado a ese nivel de esforzo tan pronto.

Pero xa arriba, había un par de quilómetros cómodos por pistas dos eólicos ate o primeiro avituallamento. Máis que o avituallamento, agradecín o poder trotar suave, deixándome ir e notei que as sensacións eran boas, que podía correr sen esforzo (aparente).

Tras o avituallamento chegou o tramo máis bonito, para min, pois era unha subida suave, por zonas de turbeiras, prados enchoupados, para rematar na subida ao monte Barbanza, o punto máis alto da proba (620m). Puiden disfrutar da suavidade do terreo, do blando que era, do sol e temperatura agradables, as flores pequeniñas no borde do camiño, os paxaros tamén parecían estar a gusto, as rás saltando as pozas cando pasabas correndo. Moi agradable. Quero creer que tod@s os que participamos temos unhas sensacións semellantes, eso espero.

Vista do "altiplano"

Vista do “altiplano”

Aquí trataba de ir facendo quilómetros sen gastar enexía, disfrutando do momento, e podía ir facendo esto porque non estaba fatigado. Cando entras en crise tes suficiente con ir tirando e todo o demáis non existe, a cabeza non che da para tanto, pero se te fixas en todo esto que comento, entón é que non vas mal.

Pasado o alto, baixabamos ate o segundo avituallamento (sempre abondosos de líquidos, froita, pasteles, bocadillos,…) e continuaba unha longa baixada na que, por non variar, había que ser eficaz, é dicir, avanzar o máximo gastando o mínimo, aforrando para a última subida. Un pouco “soso” este tramo, hai que recoñecelo. Aquí é onde nos despistamos varios un par de veces tendo que voltar sobre os nosos pasos e recuperar a ruta. A primeira foi por ir de cháchara (nesto tamén se ve o ritmo e a mentalidade coa que se corre) e non ver unhas cintas nun pino que indicaban un desvío, pero na segunda non había marca algunha e un grupo perdemos uns minutos buscando referencias. Finalmente tiramos para adiante fixándonos nas pegadas do chan e afortunadamente acertamos. Máis que o tempo que perdes con estos incidentes (que polo demáis non foron nin cinco minutos) molesta o feito de que sabes que non estás para alardes e que son forzas que non che van a sobrar. Pero bueno, entra dentro do probable e son cousas coas que hai que contar.
Quero sinalar que menos neste caso referido, e despois chegando a última baixada (onde non me perdín) a sinalización foi correcta, non sobraba algunha marca máis no chan, pero correcta. Sinalar 35/68 km é unha tarefa longa, minuciosa e que hai que agradecer aos organizadores.

Chegados a Entrerríos (nome moi descriptivo) comeza a última subida, de características semellantes a primeira. Tres quilómetros de subida por veces dura pero que se podía trotar suave alternando tramos andando; e despois dous quilómetros largos seguindo o rego San Xoan.

Rego San Xoán

Rego San Xoán. Subimos seguindo o seu percorrido.

O desnivel é semellante, quizáis un pouco menos acusado, pero ías facendo máis eses, máis zig-zag, había vexetación (toxos, carrouchas, silvas,…) e a sensación de agobio foi menor que no primeiro tramo. Ía cascado e xustiño de forzas, pero non me sentín mal. Fun tirando como podía, fixen algunha foto, falando con algún corredor…ate chegar novamente arriba a zona prados cheos de auga. Se na primeira parte podía ir escollendo onde pisaba, onde cruzaba os regos, aquí a falta de forzas xa fai que tires por onde podes, non tes os mismos reflexos nin a técnica nin forza para saltar determinados obstáculos, así que un par de veces enterreirme ben. Non é agradable correr cos pes enchoupados, pero non me queixei, librara ben ate o momento.

Arriba estaba o último avituallamento. Xa non comín nada, só repoñer o líquido na botella e algo de froita, pois só quedaba baixar con sentidiño a mesma costa que subiramos ao principio.


As vistas desde arriba, agora que non había néboa, eran espectaculares e procurei disfrutar do momento. O tempo ou a clasificación son totalmente secundarios, estaba contento pois en ningún momento da proba entrara en crise real nin me sentira abandonado polas forzas (sei o que é iso). Esforzárame, notaba os quilómetros, pero case non me doía nada e podía pensar con claridade. Así que na última baixada tratábase de non lesionarse, caer e arruinar un día bonito no monte.
vistal alto Forcados

Vista xusto no antes de vaixar o alto dos Forcados


Desde onde quitei esta fotografía, incluso daba un pouco de vértixe tirarse cara abaixo.
Na baixada, con terreo ao inicio moi húmido e esvaradío (turba mollada) e despois totalmente “roto”, cargóuseme bastante o cuádriceps dereito (quizáis por coidar en exceso o antepé esquerdo que me molestaba). Ía pensando tamén nas unllas, que soportan unha gran carga, pero creo que aguntaron ben tanto unhas como outras, pois ao chegar abaixo puiden seguir trotando, suave claro, ate a meta. Non chegaba a dous quilómetros pero por asfalto, e case a nivel do mar, foi o único momento no que realmente tiven calor e agradecín estar xa en meta.

A meta sentíala coma un oasis. Vías árbores, piscina, sombras… e comida e bebida novamente. Pero creo que todo está na cabeza, se tivese que seguir correndo seguramente o faría sen problema, pero estaba “programado” que alí remataba e a cabeza xa me ía dicindo “até aquí, para!, non sigas!”😀
Estaba de volta no Camping Rural Ria de Arousa II, recuperando do esforzo pero enseguida me dei conta de que non rematei mal, que estaba enteiro. É bonito ver cómo se vai aplaudindo e sobre todo felicitando a cada participante que entra en meta. TODO O MUNDO RESPETA E VALORA o esforzo que supón tentar rematar unha proba de estas. Con moitos compartiches algúns quilómetros, unha conversación nos avituallamentos, palabras de ánimo cando te adiantaban ou cando ti o facías,… Sabes o que sinten.

Finalmente levoume 4h52′. Eu presupostara unhas catro horas, sendo realista e con pouca experiencia, pero estou contento e satisfeito por telo conseguido e ter disfrutado do día. Ademáis recuperei moi ben, pola tarde estaba algo dolorido, pero non fatigado ou baixo de enerxías. O outro día en Esgos, que é algo máis corta (subín e baixei correndo) e menos desnivel, acabei ben pero estaba máis cascado pola tarde. Quizáis polo ritmo?

Agora toca recuperar, tiña pensado participar en outro Trail similar a final de mes, pero sicolóxicamente e físicamente levo un par de meses entrenando para esto e prefiro deixalo aquí, con ben e con bo recordo, para recuperar unhas semanas e pensar en prepar algo para o outono.

*********************************************
E agora un pouco de proselitismo minimalista.😀 Si, corrín un Trail, polo monte, con todo tipo de terreo, con zapatillas minimalistas (sen amortiguación, sen drop, flexibles) e con CERO PROBLEMAS. Que me molestaba un pouco o antepé esquerdo ao final? pois si, pero bastante máis machacados tiña os dous pes na maratón (chan e por asfalto) de hai un par de anos correndo AMORTIGUADO. Que na baixada final tiña que ir con moito tino? Pois si, pero con ladrillos nos pes non tería ido máis rápido (incluso adiantei a un compañeiro que ía tocado dos cuadriceps). Problemas nos sóleos, xemelgos, tendón de aquiles, arco do pe, xeonllos, espalda, …? CERO!

*********************************************
DISCLAIMER: as palabras cómodo, suave, levadeiro, esixente, fresco, calor, … deben entenderse no contexto de que estás correndo polo monte. Todo é moi relativo😀
As fotografías e vídeo propios están feitos co móbil durante a proba, disculpade a calidade, sobre todo polo efecto acuarela.
A continuación varias galerías de fotos do evento:
Galería de fotos do percorrido en Flickr feita polos organizadores.
Galería de fotos feitas co móbil durante a carreira

tentarei ir engadindo máis cando vaian saíndo

2 thoughts on “Crónica I Trail do Barbanza

  1. Grazas pola túa crónica. Completa e detallada. E transmitindo sensacións dun xeito que parece sufrilas un mesmo.

    Desculpas pola falta de cinta na baixada da que falas, xa temos medio localizado ó “chistoso” que as retirou: chivounolo un veciño da leira do lado… idiosincrasia jalleja, jejeje…

  2. Pingback: Resumen running 2013 xmgz | xm@gz

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s